O PARADOXO RURAL GALEGO: Unha crítica ao modelo económico rural
- Carlos L. Ríos
- May 30
- 6 min read
Importamos castaña para exportala procesada, mentres nos nosos soutos o produto apodrece por non ter a capacidade de apañalo. Temos suficientes terras agrarias abandonadas como para sementar todo o trigo que importamos para abastecer o consumo de pan que temos en Galicia. Algo anda mal.
Non é un problema de recursos. Será problema do modelo económico do rural galego?
Para entender o paradoxo rural galego, o abandono do rural e as súas consecuencias, cómpre botar un ollo aos datos da contradición que asfixia o sector agroalimentario galego.
O Paradoxo rural galego: os datos da contradición
Galicia produce cada ano arredor de 20.000 toneladas de castaña. É a comunidade líder en España, coa metade de toda a produción estatal, máis de 50.000 hectáreas de castaños e 81 variedades propias catalogadas. O sector move máis de 70 millóns de euros ao ano e vende a máis de 30 países, desde Suíza ata Xapón.
E aínda así, a industria galega importa arredor de 10.000 toneladas ao ano, principalmente de Portugal, para poder funcionar. Non porque non haxa castaña en Galicia. Senón porque nos soutos galegos quedan sen recoller, en anos de boa colleita, arredor de 70 millóns de quilos que se apodrecen no chan ou se os comen os xabaríns. Preto de 100 millóns de euros que o rural galego deixa escapar cada ano.

O pan conta outra versión da mesma historia. En Galicia consómense arredor de 80 gramos de pan por persoa e día. Con 2,7 millóns de habitantes, iso equivale a preto de 78.800 toneladas de pan ao ano, o que require aproximadamente 73.600 toneladas de trigo. Para producilo farían falta entre 15.000 e 25.000 hectáreas, segundo o rendemento agrícola. Galicia ten arredor de 300.000 hectáreas de terra agrícola en desuso ou baldía. É dicir, entre o 5% e o 8% desa terra abandonada sería suficiente para producir todo o trigo que necesitamos para o pan que comemos. E aínda así, as panadarías galegas importan miles de toneladas de fariña de fóra.
Terra que non produce. Industria que importa. Deixamos de lado o produto local galego de calidade en favor de fariñas foráneas, rompendo calquera opción de soberanía alimentaria en Galicia.

A orde equivocada
O modelo actual mide o éxito en cifras, en toneladas exportadas. Canto máis se exporta, mellor funciona o sector. Esa semella a lóxica que guía as políticas, os investimentos e os incentivos.
Pero a lóxica debería ser á inversa.
Primeiro cubrir o consumo interno sen depender do exterior e só despois, cos excedentes reais, exportar. Se invertimos esta orde lóxica, o territorio traballa para fóra antes de traballar para si mesmo. A industria crece a unha escala que o propio territorio non pode alimentar, e para sosterse necesita importar o que podería producir. O resultado é un sistema que exporta o que non ten e importa o que ten.
Non é un paradoxo accidental. É a consecuencia directa de poñer a exportación no centro antes de resolver o abastecemento propio.
Por que chegamos aquí?
Non houbo un villán. Houbo unha lóxica de escala que se aplicou sen preguntarse se encaixaba co territorio.
A industria transformadora galega creceu buscando volume e prezo baixo. Para conseguilo, necesitou importar. E ao importar, consolidou un modelo que fai imposible que a produción local sexa competitiva.
No caso da castaña un dos problemas é recoller en terreo con pendente (custa caro), a man de obra desapareceu por mor do baleiramento rural, e o minifundio fragmenta os soutos en parcelas diminutas que disparan o custo loxístico ata facelo inviable. No caso do trigo foi a cadea de transformación local, muíños e fariñeiras de proximidade desapareceron porque o modelo industrial non as necesitaba. Era máis barato traer a fariña de fóra.
E entretanto, o rural galego leva décadas baleirándose. As persoas que coñecían os soutos, que sabían cando e como recoller, que cultivaban cereal e o levaban ao muíño da parroquia, marcharon ou envelleceron sen relevo.
Sen poboación é imposible frear o abandono da terra galega. O problema non é a falta de calidade, senón a falta dunha estratexia de desenvolvemento rural que faga rendible o traballo nas nosas aldeas.
O que isto custa de verdade
Hai un número que non aparece en ningún informe de exportación: o custo do baleiramento.
Un euro gastado por un galego comprando castaña galega ou pan feito con fariña galega circula en Galicia. Xera emprego en Galicia. Volve como imposto municipal, como consumo na tenda do lado, como razón para que alguén non marche. O diñeiro da exportación percorre unha cadea longa de loxística e distribución onde a maior parte do valor queda fóra.
Iso non aparece nas estatísticas de exportación. Pero aparece no número de casas deshabitadas, nas escolas rurais que se baleiran, nos servizos que desapareceron porque xa non había masa crítica para sostelos.
Exportar antes de abastecer o mercado propio non é éxito. É a señal de que algo está mal calibrado desde o principio.
Invertir a orde, desde dentro
Existe outro camiño. E non hai que inventalo. Está nas mans da xente que xa traballa no territorio, sen axudas, con coñecemento real, sostendo o que queda.
A proposta non é complexa. En vez dunha gran planta transformadora que necesita miles de toneladas para ser rendible, pequenas plantas comunais distribuídas polas zonas de produción. Cada unha traballa co que ten ao seu redor, nun radio curto. Comparten marca, certificacións sanitarias na medida do posible e canles de venda. Producen a escala local e venden primeiro no seu contorno inmediato. O mesmo principio para o trigo. Non fai falta unha gran fariñeira centralizada, fai falta recuperar e modernizar instalacións de transformación vinculadas ao territorio, con acceso garantido a panadarías, restauración e compra pública local.

Pero o máis importante non é a infraestrutura. É o que produce.
Cando o mercado local é a base, a ecuación cambia por completo. Xérase emprego estable, non xornadas de temporeiros. Porque cando a xente vive no propio territorio, pode traballar en diferentes produtos ao longo do ano. A castaña no outono, o mel no verán, as conservas no inverno, as plantas aromáticas na primavera. Non fai falta desprazarse. Non fai falta depender dunha soa colleita. A diversidade produtiva do territorio convértese nun calendario de traballo anual para quen vive nel. Iso non é posible desde fóra. Só funciona se hai xente asentada, cun modelo baseado na economía de proximidade e no consumo local sostible.
E se a produción supera o consumo local, ese excedente convértese nun extra de valor real. Non nunha dependencia, non nun problema de prezos, senón nun recurso que se exporta desde a fortaleza, non desde a necesidade.
Porque o problema non é só a orde das prioridades. É tamén a escala. O sistema de exportación xa creado precisa alto volume de transformación, e ese volume require extensións de terreo que en breve serán atendidas por un par de drones ou robots. Un modelo que empeza sen persoas e remata sen persoas.
A economía non son só cifras de exportación. É tamén ter calidade de vida, emprego digno, e poder habitar o territorio con dignidade. Un territorio vivo non é o que máis exporta. É o que máis xente sostén.
Os cambios necesarios, con quen sabe
Ningunha transformación funciona se se deseña desde fóra do territorio e se impón sobre el.
Temos a terra. Temos o coñecemento. Temos a xente que, a pesar de todo, segue traballando nel.
A xente que hoxe traballa no rural galego sen axudas, que mantén os soutos, que amasa o pan cada madrugada, que coñece a terra e os seus ciclos, non é o obxecto dunha política. É o punto de partida de calquera solución real.
O máis importante é unirse en proxectos realistas, que permitan traballar e vivir sen depender de axudas nin de decisións que se toman lonxe. Proxectos que empecen co que hai, que crezan co que se produce, e que se sosteñan pola lóxica do mercado próximo, non pola lóxica da subvención.
Os gobernos poden axudar. Simplificar a burocracia sanitaria para plantas pequenas, aplicar criterios de proximidade na compra pública, e medir o éxito rural non en toneladas de produto transformado exportadas senón en produción propia para consumo local, en canto do que comemos aquí vén de aquí. Se esas medidas chegan, benvidas sexan.
Temos a terra. Temos o coñecemento. Temos a xente que, a pesar de todo, segue traballando nel.
O que nos falta non é capacidade. É a decisión de poñer o de aquí no centro, abastecer primeiro o noso, e só despois mirar cara a fóra co que sobra.
¿Imos a elo?





Comments