Habitar, producir e compartir: Cara a unha intelixencia territorial colectiva
- Carlos L. Ríos
- 1 day ago
- 5 min read
Galicia non necesita converterse noutra cousa para ter futuro. Precisa volver entender o que é.
Durante demasiado tempo tratamos o territorio coma se fose unha postal. Un fondo bonito. Un decorado para campañas turísticas, fotografías aéreas e relatos simplificados sobre a vida rural. Pero o territorio non é unha imaxe. É un sistema vivo. Unha infraestrutura complexa feita de camiños, memoria, conflitos, produción, clima, cultura e relacións humanas.
E que sobre todo, ten límites.

Territorio vivo: Por que Galicia non é unha postal turística
Levo tempo traballando desde unha idea moi concreta. O rural non se rexenera desde a nostalxia nin desde o marketing. Rexénérase cando un territorio volve ser habitable para quen vive nel, algo que cambia completamente a xerarquía da situación.
Antes do turismo ten que estar a vida cotiá. Antes da marca a comunidade. E antes da fotografía a capacidade real de soster un territorio sen esgotalo.
O turismo pode achegar valor, eso o temos claro, pode xerar intercambio cultural, economía e novas oportunidades. O problema aparece cando deixa de ser complemento e se converte en “monocultivo”. Cando un territorio comeza a organizarse unicamente arredor da mirada externa, do que a xente espera del, e acaba perdendo aquilo que o facía singular.
O preocupante é que moitas veces isto ocorre de maneira case invisible. Pouco a pouco. Esa festa que deixa de pertencer á veciñanza pola abafante afluencia de visitantes. Ou ese oficio que deixa de practicarse porque xa só interesa como demostración para un feixe de turistas. A aldea que comeza a parecerse demasiado a todas as demais.
O territorio continúa existindo fisicamente, pero comeza a baleirarse de significado.
E cando iso ocorre, o que desaparece non é só patrimonio. Desaparece a intelixencia territorial.
Intelixencia territorial colectiva: O rural como tecnoloxía social
Porque o rural nunca foi unicamente paisaxe. O rural é unha tecnoloxía social sofisticada. Unha maneira de relacionarse co clima, coa produción, co tempo e cos recursos dispoñibles. O mosaico tradicional galego entre aldeas, cultivos e monte non era casualidade nin romanticismo. Era coñecemento acumulado durante xeracións.
Hoxe falamos constantemente de innovación mentres destruímos sistemas territoriais que levaban séculos resolvendo problemas complexos.
Por iso a rexeneración rural non pasa unicamente por atraer xente nin por encher aloxamentos. Pasa por recuperar capacidade de decisión sobre o propio territorio. Capacidade para producir parte do que consumimos. Capacidade para xerar redes locais de colaboración. Capacidade para entender os límites físicos, culturais e humanos de cada lugar. E iso non se consegue desde grandes discursos abstractos.
Conséguese probando. Equivocándonos. Medindo. Escoitando.
Laboratorios vivos: O valor do pequeno e do ensaio real
Creo profundamente no valor dos procesos pequenos. Nos laboratorios vivos. En proxectos capaces de ensaiar solucións reais a escala humana antes de convertelas en fórmulas replicables.
Iniciativas como SENRA VIVA, impulsada xunto ao arquitecto do territorio Carlos Sánchez-Montaña e en colaboración con RedVital, Concello de Teo, CISPAC e HISTAGRA, nacen precisamente desde esta lóxica. Non como fórmulas máxicas nin como proxectos pechados, senón como laboratorios vivos para repensar a relación entre aldea, cultivo e monte desde a aprendizaxe compartida.

Porque cada erro é un dato de enorme valor.
Traballar a pequena escala permite aprender sen destruír. Axustar antes de xerar impactos irreversibles. Entender que o que funciona nun val pode pode non funcionar no seguinte, porque o territorio non se pode xestionar copiando receitas.
Cada lugar ten ritmos distintos. Tensións distintas. Persoas distintas. A metodoloxía importa. Pero o contexto humano importa aínda máis.
Por iso desconfío tanto das solucións importadas desde despachos afastados que nunca pisan o barro que intentan ordenar. O rural non necesita máis teorías desconectadas da práctica. Precisa espazos onde pensamento e acción volvan atoparse.
Identidade e resistencia: O dereito á opacidade
O territorio tamén precisa límites.
Asumimos que toda visibilidade é positiva. Máis promoción. Máis fotografías. Máis visitantes. Máis impacto. Como se todo lugar tivese que converterse necesariamente en destino, experiencia ou contido para ter valor.
Pero comezamos a ver tamén as consecuencias desta lóxica. Praias recónditas saturadas en poucas semanas. Camiños erosionados. Espazos fráxiles incapaces de soportar determinadas dinámicas de exposición masiva. Lugares que perden precisamente aquilo que os facía especiais no momento en que se volven virais.
Quizais por iso cada vez resulta máis importante falar do dereito á opacidade.
A idea é bastante simple. Non todo nun territorio ten que ser permanentemente visible, accesible ou promocionable. Existen espazos que quizais se conservan mellor precisamente cando non entran na roda constante da exposición turística e dixital.

Mesmo comeza a aparecer unha tendencia curiosa. Cada vez máis persoas, incluídos algúns creadores de contido, deciden non compartir a localización exacta de determinados lugares. Non por exclusividade nin elitismo, senón por protección. Porque entenden que ás veces a mellor maneira de conservar un espazo é evitar convertelo nun escaparate permanente. Canto dano fixo Instagram!
E isto non significa pechar o territorio nin deixar de compartilo. Significa entender que a conservación tamén precisa equilibrio. Ritmos. Límites. Zonas de baixa intensidade capaces de existir sen depender continuamente da mirada externa.
Porque un territorio non debería verse obrigado a converter cada recuncho en produto para poder ter futuro.
E porque amosalo todo tamén pode baleiralo todo.
Límites e futuro: Galicia ante o reto do refuxio climático
Galicia entra ademais nun momento delicado. O tan comentado cambio climático probablemente converterá gran parte do noroeste peninsular nun refuxio climático europeo durante as próximas décadas. Chegará máis presión. Máis investimento. Máis visitantes. Máis interese sobre o territorio.
E a pregunta non é se iso ocorrerá. A pregunta é se chegaremos preparados. Se seremos capaces de construír modelos onde a vida local siga a estar no centro. Se poderemos medir a capacidade de carga dos nosos territorios antes de destruír aquilo que precisamente atrae á xente. Se entenderemos que medrar non sempre significa mellorar.
E, sobre todo, se aínda estaremos a tempo de escoitarnos.
Un espazo de ensaio territorial: Fan falta máis cafés
O futuro do rural non se deseña unicamente desde leis, estatísticas ou campañas institucionais. Constrúese desde conversacións compartidas. Desde redes pequenas. Desde persoas que coñecen o territorio porque o habitan, o traballan e o sosteñen mesmo cando deixa de estar de moda.
Por iso elcreadordenubes non naceu como unha marca, senón como un espazo de ensaio territorial. Nace para abrir preguntas. Para conectar ideas. Para ensaiar posibilidades xunto a outras persoas que tamén senten que aínda estamos a tempo de construír outra relación co territorio.
Unha relación máis lenta, consciente e habitable.
Ao final, moitas das mellores decisións sobre un territorio non nacen nunha mesa de xuntas. Nacen arredor dun café, falando sen présa, mesturando saberes distintos e aprendendo a escoitar antes de intervir.
Quizais por iso unha parte importante do que empezamos a impulsar a través da Asociación RedVital de Galicia nace precisamente desde aí. Desde encontros pequenos entre persoas distintas que comparten unha mesma preocupación polo territorio. Non para quedar atrapadas na queixa permanente, senón para pensar solucións reais, probalas e aprender colectivamente durante o proceso.
Porque rexenerar o rural non consiste unicamente en protexer o que queda. Consiste tamén en volver xerar vínculos, conversa e capacidade de acción compartida. E quizais aí siga estando unha das tecnoloxías máis importantes para rexenerar o rural.
Fan falta máis cafés.





Comments