top of page
MEON.jpg

Suscríbete, é de balde!

O ESPELLO ROTO: Soberanía creativa e rexeneración territorial

  • Writer: Carlos L. Ríos
    Carlos L. Ríos
  • 2 days ago
  • 5 min read

Criticamos que a moda sexa a mesma en Toquio que en Berlín, que os centros históricos de todas as cidades cheiren ao mesmo, que a arquitectura perdese o acento. Indígnanos que a xentrificación arrase barrios con séculos de identidade para convertelos en decorado turístico. Preocúpanos a gastrificación, ese proceso que substitúe a cociña local e auténtica por pratos prefabricados, homoxéneos e deseñados para seren instagrameables.


Arquitectura contemporánea homoxénea
Arquitectura contemporánea homoxénea

E, porén, en canto alguén quere facer algo bo como un proxecto cultural, unha iniciativa sostible ou un programa comunitario, o primeiro que fai é mirar cara a fóra. A ver que están facendo en Dinamarca. Ou en Colombia. Ou no Xapón.


Aí está a contradición que ninguén quere nomear: ignorar que a soberanía creativa e a rexeneración territorial non se importan, senón que se cultivan desde o arraigo e a escoita.


A trampa das "boas prácticas" na xestión cultural


Existe unha serie documental que se chama Hope!. Percorre o mundo amosando iniciativas que funcionan: proxectos de economía circular no norte de Europa, comunidades autoxestionadas en América Latina, modelos de agricultura rexenerativa en Asia. Está moi ben feita. É inspiradora. E xera exactamente o problema que denuncia sen saberlo.


Porque os que a ven —técnicos de cultura, xestores de fondos europeos, políticos con boas intencións— saen desa pantalla cos ollos brillantes e unha pregunta equivocada: como replicamos isto aquí?


Cando a pregunta correcta sería outra: que está pasando xa no noso propio territorio que non estamos vendo?


Innovación desde o territorio: As algas en Galicia


Vivín moitos anos en Latinoamérica. Vin como proxectos financiados con entusiasmo e metodoloxías importadas de Europa fracasaban non por falta de recursos, senón por falta de escoita. Porque chegaban cun modelo xa pechado. Porque asumían que se funcionou en Ámsterdam, funcionaría tamén en Latacunga ou no Bierzo.


Agora estou de volta en Galicia. E vexo o mesmo desde o outro lado. Iniciativas rurais, colectivos de cultura viva, proxectos de soberanía alimentaria que levan anos funcionando en silencio, sen hashtag, sen aparecer en ningunha serie documental. Xente que coñece o seu territorio porque o pisou, o herdou, o discutiu en asemblea. Que non necesita importar un modelo porque xa ten un, construído desde dentro.


Nos últimos anos están a xurdir por todo o mundo proxectos que utilizan algas para elaborar biomateriais para envases biodegradables, téxtiles ou substitutos do plástico. É unha tendencia en auxe, con casos rechamantes en distintos países. En Galicia, con 1.500 quilómetros de costa e un problema coa cantidade de algas que chegan a ela, o lóxico sería replicalo.


Pero aquí a tradición impúxose sobre a moda. As algas levan séculos sendo parte da paisaxe agraria. Os labregos costeiros usábanas como abono, o chamado varec ou sergo, coñecemento común moito antes de que existise ningún laboratorio de biomateriais.


E hoxe, unha oceanógrafa de Portas chamada Elena Fontán fundou Orixe Salgada, unha empresa que recolle algas de arribazón (esas que os concellos retiran das praias como residuo) e transfórmaas en bioestimulantes para viñedos. Un produto que xa usan adegas das Rías Baixas e A Rioxa. Desenvolvido non copiando unha tendencia externa, senón escoitando aos mariscadores que non sabían que facer coas algas, e aos viticultores que buscaban alternativas aos fitosanitarios.


algas nas costas galegas - Orixe Salgada
Foto cedida por Orixe Salgada

A solución non veu de ningún laboratorio de deseño nórdico. Veu de Cambados para beneficiar ao propio territorio.


Que é a verdadeira “glocalización” en proxectos sociais?


Non digo que mirar cara a fóra sexa malo. O problema é a ilusión de que algo que funcionou nun contexto determinado pode trasplantarse a outro coma se os contextos non importasen. A verdadeira “glocalización” non consiste en importar solucións, senón en deixar que a inspiración global se traballe desde o corazón do local.


Un proxecto cultural non é unha aplicación móbil. Non se escala. Non se replica. Porque o que o fai funcionar non é o modelo, senón a xente que o sostén, a historia que o precede e o territorio que o alimenta. A motivación non se importa. O tecido comunitario non se exporta en PDF.


Cando alguén nunha aldea galega ou nunha comunidade ecuatoriana intenta aplicar o modelo de cooperativa cultural de Boloña, non está adaptando unha boa práctica, está ignorando que na súa propia comarca hai décadas de saber facer, de fracasos aprendidos, de relacións de confianza que ningún manual externo pode replicar.


Non é o sistema, somos nós


As axudas europeas non son o vilán desta historia. Moitos programas como FEDER, LEADER e outros proxectos de cooperación territorial adoitan esixir explicitamente traballo coa comunidade local, diagnóstico participativo, arraigo territorial. O marco, en moitos casos, está ben pensado.


O problema está en como algúns xestores e actores culturais se relacionan con ese marco. En vez de tomarse o tempo necesario para socializar o proxecto coa comunidade na que van traballar, realizando traballos de escoita, de entender que existe xa, que se necesita realmente, chegan co modelo baixo o brazo e inténtano meter con calzador.


A diferenza non é de financiamento. É de actitude. Baséase en se chegas a un territorio como experto que vén aplicar unha solución, ou como alguén que vén aprender primeiro.


Reunión técnica coa comunidade kichwa de Añangu, no corazón do Yasuní, Ecuador.
Trabajo de urbanismo comunitario en la comunidad Kichwa de Añangu en Yasuní, Ecuador

En Ecuador tiven a sorte de traballar coa Fundación Verde Milenio, unha pequena organización que entendía isto moi ben, en colaboración coa Universidad de Nebraska-Lincoln. Ademais de xestionar proxectos como o do Napo Cultural Center, onde actuabamos como mediadores interculturais, como unha ponte entre as comunidades onde traballabamos e os expertos que chegaban doutros países para colaborar. Non porque os expertos fosen malos, senón porque sen esa ponte, sen alguén que traducise non o idioma senón o contexto, as dinámicas, a historia, eses proxectos ben intencionados poderían facer máis dano que ben.


Investigar cara a dentro


O que falta non é máis inspiración externa. O que falta é investigación interna.


Coñecer o territorio propio. Os seus recursos, os seus conflitos, a súa historia. Quen vive aí e por que. Que se perdeu e que sobreviviu. Que iniciativas xa existen aínda que non teñan nome bonito nin financiamento. Que sabe a xente maior que ninguén preguntou. Que queren os mozos que ninguén escoitou. Sen caer no típico, no obvio nin no esperado.


Isto require tempo. Require humildade. Require aceptar que o coñecemento máis valioso para un proxecto cultural na Costa da Morte non está en Ámsterdam nin en Medellín, está na propia Costa da Morte. Hai quen xa o está a facer. A Fundación Paideia leva décadas traballando o desenvolvemento territorial desde dentro, e o seu programa Territorio Emprende é un bo exemplo do que significa inverter o proceso. Non se trata de traer modelos externos e buscar quen os aplique, senón de identificar as persoas do propio territorio que xa teñen iniciativa e ganas de transformar o seu contorno, e acompañalas. O punto de partida é a xente de aquí, non a metodoloxía de aló.


Non, non todos somos iguais. Non vivimos as mesmas condicións. Non temos os mesmos recursos, nin os mesmos medos, nin as mesmas memorias. E iso non é un problema a superar, é o punto de partida para calquera proxecto que queira ter impacto real no territorio.


Paradoxa


Queremos defender a identidade territorial fronte á globalización. E ao mesmo tempo seguimos buscando no mapa do mundo o modelo que nos diga como defendela.


Quizais o primeiro acto de resistencia cultural non sexa mirar a Dinamarca. Quizais sexa, sinxelamente, mirar ao noso arredor.



Este artigo forma parte dunha reflexión máis ampla sobre cultura, territorio e sostibilidade real. Se coñeces iniciativas que nacen desde dentro, interésame escoitarte.

Comments


bottom of page